viernes, julio 31, 2009

A Voráxine, José Eustasio Rivera

Antes que me hubiera apasionado por mujer alguna, jugué mi corazón al azar y me lo ganó la Violencia. Con esta impresionante declaración comeza o mellor libro que cicais se escriba nunca sobre a crueldade do home e da natureza. Á Voráxine de Rivera cheguei da man de Javier Reverte, no seu extraordinario libro O río da desolación. Unha viaxe polo Amazonas. Era a lectura que acompañaba ao escritor-viaxeiro no seu periplo pola amazonía. As andanzas de Arturo Cova a través da selva é unha auténtica incursión no corazón das tebras. Terrorífico cadro da extrema crueldade do home contra sí mesmo a contra unha natureza de desprega todo o seu poder destructor. O xenocidio do Putumayo, as aberracións de asasinos empresarios caucheros como o tristemente célebre Arana poboan este cadro de pesadelo mediante unha riquísima prosa inzada de verbas autóctonas que otorgan ao relato unha verosimilitude insoportable da que temos que descansar a ratos. Xa lin o libro hai cousa dun ano, pero non podo esquecer esa sensación de febre e alucinación na que os personaxes se abandonan para non ser torturados pola inmensidade do poder destructor da selva.
Foto: A.B.B.

jueves, julio 02, 2009

Psicodelia

Para A. e para A.
Descalza e derreada logo de oito horas de house ininterumpidas, o Show Me Love batía nas miñas tempas coa forza do ancestral folón hidráulico que conturbou o siso do cabeleiro. A noite estragouse definitivamente cando te albisquei entre a multitude fuxindo descaradamente entre o arrolo perfumado de dúas recén graduadas que exhibían fachendosas a causalidade dos seus abultados currículos. Decidín acubillarme ao abeiro dos gintónics que con tanta persistencia como descaro me metía entre as mans M. Era tamén a súa noite e ben sabía eu que trataría de tirar todo o partido desta oportunidade para facerme as beiras. Deixeme arrandear, Bring It Down, Bring It Down, voluptuosamente consciente das olladas que me engaiolaban nun turbillón psicodélico polo que esvaraba a gusto a percepción do tempo. Non sei as horas que aturei a impertinencia da súa man invadíndome e a brusquedade coa que o seu corpo disimulaba coreografías impostas pola implacabilidade do DJ. Cicais foi aquel case imperceptible cambio de luces o que me fixo acordar e rexeitar de socato a impunidade que lle regalaba. Era xa demasiada a suor, lembreite de súpeto e sentín un irrefrenable desexo de estar a soas contigo. O camiño cara a saída case foi imposible entre as moreas de mans que tentaban volverme ao inferno da pista, malia todo conseguir saír ao exterior. Pechei os ollos e aspirei profundamente, tratei de arranxar a desfeita do vestido e baixei as escaleiras cara o párking. Naquela absoluta tranquilidade só sentía o bruído dos meus pasos, veña, unha pequeno esforzo e xa está, o coche está aí preto, seguro. O vello truco do mando a distancia non respondía e non se prendían luces por ningures, así que decidín descansar disimuladamente apoiada na parte dianteira dun automóbil que sobresaía daquela ringleira interminable. Pouco a pouco mitigábase o martelar da música na miña cabeza e o corpo ía recuperándose do naufraxio. Quedei case durmida cando sentín un leve movemento e cando abrín os ollos aí estabas ti, limpo e fresco, co teu sorriso cativador percibindo a miña ebria incapacidade para manterte a ollada. Agochaches o meu azoramento cunha aperta longa e suave que rematou coa miña camisa na túa man, limpando os refugallos da noite. Moi a modo acomodáchesme no asento traseiro onde me abandonei a un sono no que ía quedando espida naquel delicioso silencio...
Pegada da imaxe aquí

lunes, junio 29, 2009

Sacrificio, impresións...


Acordo debruzada, a carón da ausencia, co zunido da noite asolagando o meu insomnio. Pel queimada por verbas que estouran antes de desintegrarse definitivamente, afogadas na choiva para fermentar no lidro que cobre toda a cidade. Alguén aínda se anica para turrar dun farrapo. Sacrificio. Desolación. Da cidade lixo foxe a desesperación pola mesma corredoira, todos enchoupándose nun chan lamacento que agocha renuncias que arrecendían a gloria.

Foto: María Jesús Fariña Busto.





sábado, junio 27, 2009

Gris metalizado, por favor...


Para M.
Gris metalizado, sen brillo, frío, ignífugo e rexo por favor, invulnerable e anódino, si, por suposto, inmarcescible, claro, e totalmente autónomo, non, o peso non importa, nin que sexa de última xeración, só procuro unha boa resistencia, non, tampouco me importa a capacidade de aceleración, xa, entendo, que non se fabrican, e ¿non o poden montar vostedes con pezas de refugallo?, veña logo, xa me avisarán cando este listo, xa sei que non hai garantía, precisamente é o que non preciso, garantía.

viernes, junio 26, 2009

Pavadas de xénero, que dirían eles...e pasatempo ad hoc!

A pasada noite de insomnio adiqueime a revisar os case trescentos post que teño en modo rascunho, textos e reflexións que por diversas razóns quedaron no purgatorio do bló agardando o xuizo de Osiris que os guindará ben seguro ao lixo virtual onde estes ceros e uns volverán ao magma primixenio da nada ou do cabreo que os xerou. Moitos destes textos foron máis que escritos cuspidos directamente sobre textos, declaracións, feitos e situacións anormalmente anómalas, ridículas e casposas. Nunca quixen amolar ou darlle a este espazo cabida, nen sequera para contradecilos, aos simples e mediocres, que inundan os medios convencionais, para darlle máis voz aos que non paran de dar a murga. Ese presidente de Deputación que ten mercado a vontade de toda a súa parroquia, eses Consellos de Guardiáns (si, nós tamén o temos) que agocha pederastas, defende píos latrocinios, sempre tan relixiosamente correcto na relación de xénero, etc. A maioría son post que trataban de contrarrestar esas pequenas miserias que semellan inocuas, pero que van crecendo ata convertirse neses tópicos que matan ante a ollada revirada e ebria dos que siguen a xuntar verbas para o xornal do mesmo xeito que o domingo xuntan as fichas de dominó. E siguen, e siguen....

Ahhhh...o pasatempo adhoc viña a ser unha recompilación de fraseciñas célebres desas que oimos tódolos días...a ver...a min é que non se me vai da cabeza esta que me dixeron hai días:

"convosco as progresistas hai que ter moito coidado"...(máis nos comentarios)
BOA FIN DE SEMANA E LEMBRADE...
NON DERRAMAR NADA DE NADA...

jueves, junio 25, 2009

Nazanin Amirian, explica a situación de Irán

Ligo aquí este clarificador documento sobre o conflicto iraní que rescato das importantísimas achegas que a nosa amiga M.S. está e compartir en facebook.

viernes, junio 19, 2009

Pijus Magníficus

Post evidentemente medeliano.


e se vexo a escea cincocentas veces, cincocentas veces que me parto de risa
O coche 112 Talgo Madrid-Vigo arrecendía a Calvin Klein ¿ou era Giorgio Armani?. E só hai unha cousa que me amole máis que o cheiro expresamente fabricado pour homme, que son os seus respectivos spots publicitarios. Recoñezo que tanto pola desespereación de non atopar un mínimo parecido coa realidade nos productos máis tradicionais do xénero, como pola insoportable frivolidade coa que tratan as cuestións máis serias. Non é de estrañar pois que como resultado deste particular xeito de sacar brillo á miseria abrollen coma fungos tanto Borjamari, Josemi, Nacho e Rodrigo Alejandro coma os que onte estragaron o que podería ser unha deliciosa tarde de viaxe en tren. O Alan Bennett que levei para a ocasión non me deixou atravesar o primeiro parágrafo, porque ¿quen pode sustraerse as gargalladas guturais de catro patillas a tiraliñas e aos silabantes comentarios de catro estudantes de primeiro de mediciña (San Pablo Ceu mediante e talonario de papá médico como absoluta garantía de supermegamediadelamuerte) por medio?. Acordeime das Saskias, Sonias e Vanessas tan deliciosamente rescatadas por Julio. Nin paisaxe nin hostias (con perdón). Se tes a mala sorte de ter que compartir espazo con estes sabotadores do teu lecer non che queda outra que aguantar, lembrando aqueles bos tempos nos que botabas o pitillo non pasillo escapando da monxa que rezaba o rosario completo e en voz alta no teu departamento ou aínda podías colarte no vagón de primeira escapando do revisor. Pero o peor, pensei para min, será o día que lle teña que ver o careto a un destes mocosos xusto cando a anestesia comece a facer efecto. Por San Pablo e por San Ceu que estes anormais abandonen a carreira e se vivan de rendas toda a súa vida.
¡BOA FIN DE SEMANA!

lunes, junio 15, 2009

A lúa dos Everglades, Xesús Manuel Marcos

Belgrano (Bos Aires), Miami, Madrid, Os irmáns Quintelos, Aurora, Manuel Eiras e Andrés Leiro, tres relatos de emigración que tecen un pano triste, escuro e esgazado polos furados da violencia, a dor e a miseria que é a marca da casa da nosa emigración. Custa ter que recoñecérmonos neses traballadores avarentos, aforradores, Luís, Dosinda e Antón, os gallegos, os irmáns Quintelo, xente con cartos, pero que aproveitaba a roupa ata o miolo, sempre coa leira ás costas, eles mesmos cultivaban nun terreo que tiñan nunha quinta o barrio de Alte Brown, xentes que xamais foran de vacacións a ningures, nin sequera ao veciño Parque Nacional do Tamá. Velaí a miseria. Lembroume moito a desolación que sentín cando visitei o Centro Galego de Newark hai uns dez anos ao comprobar o absoluto illamento destes galegos que malia vivir a media hora de Central Park no puxeran un pe na grande mazá na súa vida. Vivindo en Newark estaban tan lonxe de Nova Iorke como calquera galego de Betanzos ou Entrimo. Galegos que só saían puntualmente da casa de Primeira Xunta...para ir á igrexa, os domingos, escoitar a homilía de Alexandre Gwerder...galegos vellos que tiñan os cartos acochados nos zapatos, botes de cociña, en libros vellos e ata no cortello, galegos sen expedientes médicos, e herba luisa. Andrés Leiro e Manuel Eiras, galegos en Madrid, enfermos de morriña, non o podo evitar, dixo. Cada vez qeu vexo unha matrícula, ou, sentado nun banco do parque, escoito unha conversa, e Aurora, galega en Miami, unfa fuxida inútil dun mundo rural enchoupado nunha violencia cruelmente cotiá contra nenas e mulleres que hoxe chamariamos estructural, escuros tempos de silencio e brutalidade que convidan a alonxarse de tópicos e pantasmas que como moito só servirían para argallar tremendismos literarios insospeitadamente persistentes. Unha boa novela que me deixou con mal corpo, a insoportable levidade do ser galego....xa me entendedes!

sábado, junio 13, 2009

Noite musical hindú



Suhkdev Prasad Mishra (Violín), Vikas Tripathi (Taboa).

Inesquecible viaxe pola India da man de Vikas e Suhkdev. Outros ritmos, outras cadencias nun diálogo contino entre sorrisos, ollos negros, cordas e percusións nunha compenetradísima conversa musical e unha xenerosa clase de improvisación musical. Coa achega flamenca de Cuchús Pimentel quedan ben claras as orixes comúns de moitas músicas. Preciosa noite musical en boa compañía.

viernes, junio 12, 2009

Para S.(VII)


Teño frío mylove, e esa pantalla cuspindo mensaxes anónimas asústame. Dende que marchaches está así, día e noite, agardando respostas que fuxiron contigo ben lonxe. Teño moito frío, M., preciso o lume do teu corpo. As lembranzas xa só son sombras macabras que enchen as miñas fendas, pedras de xeo que crebarán a miña pel. Malia todo agardo outra noite, disimularei a miña sorpresa e bicarei as túas costas ata que esquezas absolutamente todo....

Arrastraba o corpo con moita dificutade, a golpe de pequenas zancadas de torpeza. Seu ritmo persistente cimbreaba con trote inseguro. Fuxiu cara adiante sen consciencia de facelo, impresa no iris a memoria daquela habitación. 2046. 204.20.2.0. Atrás quedaban os neóns acesos, o repenique da chuvia sobre a branca e fría luz daquela farola. Recia e altiva contemplaba as sombras dos pasos noite tras noite. Apenas si foi advertida a súa presencia polos insomnes ollos ca procuraban. O corpo simulaba non querer obedecerlle. Nin a enfermidade nin o olvido ían ser quen de conxelar as ardencia de metamorfosis. Facendo honores de nobreza no silencio contraía a súa única vida sen permitirlle escape.Mocasins estigmatizados pola terra baixo augas nocturnas de grave contínuo. Luces e humidades fusionadas por momentos na memoria xusto antes de desvanecerse. Memoria perdida. Amores agochados. Odiados. Abertos en canal. Esencias de Yutang. Renacer soñado dos mares que por ti brotaron. Sutil anhelo de seguir sufrindo. Tal vez a chuvia que agora cae como un río coñeza o segredo que agocha a montaña.

Texto: A. e Anónimo.
Imaxe: Fotografía de María Jesús Fariña.


martes, junio 09, 2009

Para S.(VI)

(Para X.O.)
11:35 Anónimo
Tempos de destempos. Asincronía de tempos cruzados nun espazo común que xa non pertence a ninguén
11:35 Anónimo
Loita de espazos ao relentí. Milladoiro de sensacións
11:37 Anónimo
Acaso esqueciches algo? Culpa e esquecemento
11:38 Anónimo
Negación da culpa e do esquecemento.
11:38 Anónimo
Asentemento e razón
11:39Anónimo
Non deben as cancelas da razón pechar os desexos do descoñecido ou novedoso.Ruptura de compaña. Dúbida. Quizais non houbo nunca tal
11:40 Anónimo
Sen lazos, pero ben atados, sen presión pero con dereito
11:40 Anónimo
Concentración forzosa nun mundo de parcelas propias
11:41 Anónimo

Salto ao baleiro sen rede.Torpe fuxir do seu
11:42 Anónimo
Erro asistido, frustración ou inxección de risco
11:43
Anónimo
Emoción.Incomprensión e banal quietude. Inseguridade de deixar facer, seguridade de ter que deixalo.

Música: Lemminkainen in Tuonela, Part.1, Sibelius. CLIC
Texto: Anónimo do post anterior
Foto: María Jesús Fariña

lunes, junio 08, 2009

Xeniais Xerais!

Foto: Illa de San Simón. Manuel Candelas
Adicado a Paz Raña
Encantado de coñecerte en persoa, vaia, Miriño, que Curioso e Impertinente, que gustazo vérmonos, teño pendiente entregarche un premio, si o disco de Abuña Jazz, bico neno, ola Montserrat, ten graza a cousa, levabamos unha chea de tempo coincidindo por aí, eu xa dicía, pero ¿porque cada vez que me paro con M., o meu home saúda sempre á sua compañeira?, e Alma por medio, voute correr a gorrazos, e vas pagar as copas toda a noite, vale, ok, pero B.home, para iso cho presentei, para que lle critiques a obra, ti tamén, e no medio e medio Paz, a súa man, a súa ollada, o seu corpo miudo que se derrubou ao sentir o seu nome, que mal me atopo, unha neumonía mal curada, o peor é que non vou poder ir de troula canda vos, si, que experiencia, alucinante, pero non te esquezas, LdC. defendina eu a primeira, pero ti como viñeches sen invitación, quiteilla a un velliño que a pousara nun muro, non, non creo que se lle poida perdoar tanto erro, a historia pode ser boa, pero hai que coidar a forma tamén, ¡temos gañadora!, é Rosa Aneiros, ¿Rosa Aneiros?, vaia temos que facer dúas chamadas, Rosa.. sorriso eterno, son Amanda, mira, encantoume a túa historia, e no medio e medio a forza da man de Paz que tenta procurarte, ¿que fago eu aqui?, porque as palabras, non o esquezamos nunca, conteñen na súa cerna a forza necesaria para cambiar a vida e para cambiar o mundo, vaia non sabía que ía vir o Conselleiro Natxo Vidal acompañado de Rocco Siffredi, a profa aproveita a viaxe para facer uns cantos seareiros maís da flamante Orquestra Panorama, vooooooolareeeee, oh, oh, can-ta-re, ¿e non saben quen puido escribir iso?, non, non, pero non pararei ata dar con el/ela, Luliña pensou en Germán Sierra, pero non, confirmado, LdC vai dar moito que falar, seguro....
P.D. (1) Saímos a botar un pitillo? si, veña, e de camiño apareceu Tati, por fin, Tati, por fin nos falamos, e menuda a que "liaches", Festiña Quente mais eu abraiados perante esa mestría túa, na próxima ímola liar entón un pouco mellor!
P.D. (2) A B. non lle gostan moito os piropos, mágoa, porque ten uns ollos incribles.
P.D. (3) Xa se vai desvelando o misterio de Limiar de Conciencia.........

miércoles, junio 03, 2009

Para S. (V)

¿onde estás M.? ¿quen remexe nas nosas cousas e guinda ao lixo os teus discos? ¿por que cheiras a visitas? O eco dun colgadoiro baleiro e certo arrecendo que gardei da tua suavísima pel enchen a oscuridade tras o fecho co que te despides....

Cantas ausencia e silencios encherán esta espera mylove, terei que amorear faragullas da brevidades, redebuxar contornas, enfatizar baleiros e pechar os ollos ata o seguinte ruxe ruxe desa fechadura que estragaches na fuxida. Tiña que terme quedado coas túas rutinas, mais eran tantos os deliciosos momentos nos que te me amosabas deliciosamente espida e apaixoada, noites de vertixe e insomnio, por exemplo, cando de socato guindabas os libros e te me achegabas para escribirme, ou para poñer puntos suspendidos no teu, no meu corpo ata que caías de sono e esvarabas ata que soaba o móbil, ou cando te adobiabas fronte a min e te disfrutabas coma se foses dous corpos, me suplicabas liñas imaxinarias e me marcabas coa humidade da túa man. Eu notaba algúnha sombra xa daquela, ese disimulado ollar cara o persistencia do desacordo que seica te levou a fuxir. Eu que me ía fixar niso, tiña que termar de min para non estourar en mil corpos cando te sostiña en pe.


martes, junio 02, 2009

Quo usque tandem abutere, Catilina, patientia nostra?


Ás veces pregúntome se as causas estructurais do noso subdesenvolvemento non serán moito máis simples que moitas das conclusións que tiramos dunha combinación sempre demasiado teórica das estatísticas e o método científico. Se o tempo é o principal factor de producción, tanto no pre como nos post capitalismos -a ver quen se atreve a poñelo en dúbida- a pouco que ollemos con certo interese ao noso redor e apliquemos o indicador máis común de productividade -poñamos por caso o precio da hora de traballo dun mileurista, sexamos optimistas- está ben claro que ibéricos en xeral e galegos moi particularmente, temos unha morea de tempo que perder gratuitamente. Velaí pode estar a cerna da insoportable levidade de tanta e tanta liña cara abaixo como amosan memorias, informes e gráficas máis ou menos adulteradas polo tu(r)nante partido no poder. Esoutro día cando baixaba por tabaco -síntoo polos non ou/é ex fumadores, tantas experiencias que se perden, diso falarei próximamente- atopei a A., un profesor que leva anos impartindo docencia nos USA e comezamos unha conversa moi animada e interesante. De socato, e respetando o modus operandi da poboación aborixen nos bares de barrio na derradeira hora, o intruso e as súas cervexas invadiron a nosa conversa coa súa enferruxada verborrea, máis estragada aínda pola persistente couza dos tópicos que polo alcol que acendía o seu discurso. Logo duns minutos, A. ergueu o seu enorme brazo imitando ese aceno co que o árbitro sinala o tiro indirecto para poñerlle fin á situación, cunha educación, contundencia e eficacia que me valeron moito máis que cincocentas páxinas de calquer manual de management, planning, staffing, leading, controlling ou organization.

lunes, junio 01, 2009

Para S. (IV)

Durmiches completamente vestida e con esa maldita canción petando contra as túas tempas e érgueste tan de socato que me asusto. Vés onda min cunha ollada nova, que non coñezo, pero que temía dende hai tempo, e co puño da túa enrugada camisa límpasme a cara para borrar as pegadas das despedidas dos derradeiros días. Malia todo este carmín con que me enzoufas intúo perfectamente a decidida violencia dos teus movementos, mais apenas te recoñezo xa, sobre todo eses novos afeites que me fan trousar, e esas roupas que recuperas dun armario que tiñas agochado baixo unas preciosas sedas de Benarés. Vés cara min, agardo que me limpes a cara, que me deixes verte. Teño a esperanza de que este sexa o meu pesadelo, o eterno retorno dos centos de imaxes que tiven que soportar cicais noutros tempos. ¿onde estás M.? ¿quen remexe nas nosas cousas e guinda ao lixo os teus discos? ¿por que cheiras a visitas? O eco dun colgadoiro baleiro e certo arrecendo que gardei da tua suavísima pel enchen a oscuridade tras o fecho co que te despides....

sábado, mayo 30, 2009

(X)antar (X)erais

Imaxe: O Banquete de Pieter Brueghel O Vello

O convite na Pousada de Soutomaior non puido estar mellor aliñado. Agradecín a frescura con que nos acolle e pedra na primeira canícula do ano e o eterno sorriso de Fran. O padal xa debecía por un viño acorde coa solemnidade do acto e a temperatura ambiente, e malia todas as presentacións obrigadas, impúxose a lóxica da hora e sentamos pronto a xantar. Sorprendeume, coma sempre, atopar persoas que aseguran coñecerme por seguirme no bló. Ata que estas felices coincidencias ocorren sempre crin que as entradas que se rexistran nas estatísticas eran en realidade cronopios ou famas que se repartían polo mundo ao chou e dos que nunca sabería nada. Alégrome pois ter coñecido a unha seareira tan real como a profa, e ademais, sen dúbida algunha a raíña da nosa mesa. Ela foi a que nos sacou dunha interesante conversa sobre o tema común que nos enleaba a todxs para levarnos ao descoñecido. Coido que aínda non remataramos aquel exquisito polbo do introito cando a conversa xirou de repente e sen decatármonos cunha manobra que me deixou completamente fóra de xogo. Nestas ocasións adoito ollar disimuladamente ao resto dos comensais para ver se son a única que estou perdida e mesmo na procura dalgún comentario que me permita recuperar o fío. Houbo sorte, a rapaza loira fronte a min confirmoume tamén a súa posición fora do campo e só a gargallada de Manuel ollando o panorama deulle sentido a todo aquilo. De socato aí estabamos, falando de Bisbal, Bustamente e outras estrelas patrias como teloneiros da flamante Orquestra Panorama, aí estaba tamén polo medio da conversa o Holding de Espectáculos Lito e as súas rendibles operacións. E xa sen vergoña pido aclaración a miña compañeira-seareira sobre a existencia real de toda esa macroemporio orquesteiro galega que seica ten clubs de fans que xa quixera algunha peña futbolera. Para a miña tranquilidade, non foi cousa do Alvariño. A ollada discreta de Sonia confirma a existencia deste outro peregrinar alternativo na nosa terra e a importancia destas manifestacións festivo culturais no noso país. A espectacular e exótica ensalada con módena e vieira reclamou logo case toda a nosa atención pero coa tenrura da carne richada volvemos ao rego festivo e deixamos nas mans do boss de todo aquilo a responsabilidade da pitada final de partido.

Bueno, aquela noite que saímos de cea fixen por levalo a casa no meu coche, de camiño díxenlle que me avisara onde tiña que parar, pero para a miña felicidade este momento delongouse ata chegar á miña casa, resultou que eramos case veciños, e de alí a pouco comezamos a vernos, sobre todo nas verbenas do verán, si, claro, fíxoseme raro que sempre tocase os mesmos músicos, tardei en decatarme de que en realidade, o que facíamos era ir en peregrinación detrás da orquestra Panorama...

Un saúdo a César, Paz, Belén, Pilar, Fran, Manuel, Bieito, Celia....

viernes, mayo 29, 2009

Para S (III)

Hang down your head, non falla. Outra vez, M. My love, acouga, deixa de voar, preferíate cando vestías aqueles traxes grisentos e levabas o maletín a rebentar de solicitudes e contratos. As noites eran tranquilas e pasabas mais tempo comigo. Non había tanta música e o aparello só se prendía para encher complicadas bases de datos pero daba gusto verte traballar, tan concentrada, tan segura de ti mesma, e sempre me facías cóxegas ao chegar a noite. ¿Disfrutabas de verdade diante miña ou era unha especie de catarse para baleirarte de tanta mediocridade que te afundía? Alegrábame aquela nosa intimidade. Agora teño que debuxar esceas obscenas, malia túas solermeiras olladas de complicidade. As súas son de autocomplacencia, claro, ti non podes velas, pero non che gustaría ler nos seus ollos o que eu leo cando prendedes a luz, e total para que, ruliña, só por lle cumplir o gusto a un corpo nun ritual que segundo el nin é paixón sequera, ¿como che dixo?, mera animalidade. Que tranquilo debeu quedar logo de tan rotunda e científica afirmación. So hang down your head for sorrow my love..

jueves, mayo 28, 2009

Para S (II)


Gústame ver a M. fronte ao espello, repasando xeometrías sempre inéditas, preparando a súa pel para outra reescritura que tampouco será a definitiva e facendolle chiscadellas a esa muller que conta o espello que...

Cada noite esperta enchoupada na suor, cos cabelos revoltos e coas sabas enguedelladas nas súas pernas, toda a paixón desbotada polo día, rexeitada pola perentoriedade da mera supervivencia, multiplícase nos seus soños. Érguese, olla cara min e xa non me fai acenos graciosos, ten olleiras e a cara descomposta pola anguria. Frega a cara coas mans e debúxolle unha espantosa aparición que rexeita baténdome fortísimo. Quizo esnaquizarme centos de veces pero centos de mañás aloumiño o seu rostro coa promesa dunha nova xeira. Eternamente bela M., bos días meu amor, abre a fiestra e deixate querer polo ar. E M. ofrécese ao tempo e á ausencia. Benquerida ausencia compartida. Sen verbas, baleira, sen promesas e sen adxectivos. Gústame ollala mentres pon as medias agardando a primeira conexión do día. Primeira verbas lixo, muxicas que en segundos serán folerpas cun clic nunha resposta automatizada. E agora paseniño, volve cara min e deixa os seus beizos no meu/seu rostro.

Para S.

Mentres as súas mans hidrataban os cumios e vales da súa pel no diario ritual cosmético, M. deixa que o espello debuxe aquela teimuda muller que cada día lle amosa súa beleza. Hai uns días que lle sobra tanto corpo que atender... Quixera solidificarse, caramelizarse un intre e partirse en anacos de tantos baleiros pasados porque o futuro queda lonxe. M. é quen de agardar, de estirar o comezo que é onde se concentra todo o sabor, e groliño a groliño saborea cada gota deste saboroso xarope, e sente mágoa pola miseria dos que guindan con este precioso líquido pola estúpida razón do seu próximo esgotamento. Coma se eles fosen inmortais. M. destemida, arriscada, feiticeira, sempre á espreita da paixón, amoreas contos de fadas e fantasías, erguendo babeles a cotío, malia esas dovelas que caen ameazando apocalipses. Gústame ver a M. fronte ao espello, repasando xeometrías sempre inéditas, preparando a súa pel para outra reescritura que tampouco será a definitiva e facendolle chiscadellas a esa muller que conta o espello que...
Pegada da imaxe: Paul Gauguin: Manao tupapau (The Spirit of the Dead Keep Watch)

viernes, mayo 22, 2009

Fantasías eróticas de Susana Moo.

Descanso por momentos de lecturas obrigadas para deitarme nas páxinas de Erotómana. Andaba o fodemillo de capa caída de xeito que, Susana, queréndoo ou non, chegaches a tempo para tapar un par de buracos que degoxaban pola túa intrépida língua. ¿como explicar o desinterese dos nosos creadores polo xénero erótico tendo un público potencial tan previsiblemente disposto a gozar desta oferta? ¿persistencia obstinada desas ríxidas prevencións morais que modelan individuos tan perigosamente reprimidos? ¿a que ven este desprezo cara o sexo na escrita? O mesmo pasa co humor, todo un reto seres quen de provocar xa non unha gargallada senón unha leve deformación cara arriba do beizo superior. Pódese dicir que pasei un bo rato coas tribulacións da pobre Jane aprendéndolle ao seu superheroe a domear os seus instintos animais para procurarlle pracer porque Tarzán é precoz, puñeteiramente precor. Xusto cando estou no cume da paixón polo meu esposo, este mete uns gruñidos xordos, como querendo facer o berro do rei pero en xordina. Correuse. Xa se correu (esto...ejem...). Unha lectura lixeira, pracenteira e desmitificadora ideal para escorrentar por un momento o persistente cabreo que nos produce esta escalada alarmante na proporción de estúpidos que dos que fala Carlo M. Cipolla.
¡¡¡ boa fin de semana a todxs !!!

Festiña moi quente!


Acepto gustosa a reprimenda, recuperarei folgos e abandonarei completamente o estilo negra sombra para dar conta das alegrías, que son moitas máis, que das miñas alteracións psicosomáticas por mor dos cambios de quendas, temperaturas e biorritmos. Volto moi a modo ao rego do bló aínda que paseniñamente porque non podo evitar a chamada do diaño que de cando en vez me tenta coas ledicias dun ceo de metacrilato que disimula arrecender a xaropes celestiais. Volverei falar de libros e volverei ás barricadas, seguirei esnaquizando dogmas e seguirei na procura da excomunión liberadora. Mentres tanto, e coa deliciosa resaca do día despois, almorzo aínda cos restos dos sorrisos da esmorga de onte. Rurú retiroume o fannamberguanato cando andaba eu na procura de facerme vitalicia, pero traballarei abondo por recuperar o título. E fareime seareira doutros clubs, apuntareime a unhas clases de tiro e ata pode que me aficione a músicas estranas.

jueves, mayo 21, 2009

escuridade...ma non troppo.


Afortunadamente este esgotamento intelectual, agora completamente alleo a unha irrefrenable pulsión cara ao abismo, non vai durar sempre. É noite case, sento nos chanzos do edificio da facultade e compartimos a persistencia desta rutina que sempre leva as dez últimas. Tódolos trunfos para ti, e non é que me deixe gañar, ou si, que non son días para resistir a forza cósmica do Big Rip. O Laguna faime unha chiscadela alá no fondo, devólvolle o aceno, recollo os meus trebellos e atraveso descalza o verde e húmido a xeito de despedida, volto outro día cara a cidade.

martes, mayo 19, 2009

Antony and The Johnsons.

Pista da foto CLIC
Do concerto de Antony and the Johnsons onte no Coliseo de Porto non podo engadir unha coma á maxistral e rotunda recensión do amigo Arume, sempre sobrepasando coa súa apaixoante erudición os límites do elástico, que dicía outro dos grandes. Escoitade espidas diante dun espello ou disfrutando dunha fermosa película, ou nesas noites brancas que deitan fermosas verbas nos beizos, pero mellor disfrutade do seu directo, eso si, coa lección aprendida tiraredes moito máis proveito, gosta de falar largo co tendido.
Free at last and thousand kissis for you
Arume, Lula, Legaresa and Carpediem

lunes, mayo 18, 2009

Historia dunha guitarra con Antonio Vega e Xoan da Cova ao fondo.

É unha historia preciosa, non só pola presenza de Antonio Vega, que aínda te choramos, nin polo insoportable bruido desa porta que semella pecharse para sempre, e tampouco pola presenza de dúas guitarras que ensarillan dúas vidas que se cruzaron diante túa. Dicíalle ao noso amigo M. que a historia que emociona é a que está nos marxes, a historia de seres capaz de deter a ollada e o tempo para gardar coma un tesouro eses fios que che procurou o azar e que xenerosamente gardaches e deixaches voar para contárnolo.

Co permiso do Xan da Cova, roubo das Uvas da Solaina, a historia...

Eu tiña hai anos unha guitarra española, normaliña, das de toda a vida. Xa tiña acumuladas algunhas historias ela mesma, pero non as detallarei. Limitarei a historia a outras que tiven despois, como consecuencia de sucesivos cambios. Estaba tocando con esa guitarra na compaña de un rapaz que tiña nas mans outra, tamén tipo española, de cordas de nylon, pero moito mellor: Electrificada, con entradas de jack e balanceada, con "cutaway", cunha caixa máis grosa do habitual. Compráranlla seus pais, emigrantes en Suiza, quen lle mandaban tamén desde alá cartos cada mes para vivir. Varias persoas xa me dixeran que ese rapaz tiña problemas coas drogas, aínda que o seu aspecto non o daba a entender. Propúxome que as cambiaramos. Que eu quedara coa súa e el coa miña. Cando lle dixen que a súa era moito mellor, contestou que non lle importaba, que o feito de que a miña guitarra fose miña tiña para el moito valor. Aínda hoxe non sei como interpretar ese comentario. O caso é que as cambiamos. Desde logo, saín gañando eu. Existen varias fotos de prensa nas que esa guitarra aparece tocada por diferentes persoas ás que lla emprestei en diferentes actuacións en diversos locais d´Ourense. Un amigo, posuídor de unha tenda de instrumentos, cando ma viu díxo que tiña un cliente que andaba buscando unha coma esa, e que ma cambiaba por outra calquera das que tiña na tenda até unha marxe de precio. Eu non tiña especial interés, mais engadiu que podía seleccionar tamén libros de música até certo prezo, e engadilos coa oferta. O caso é que saín da tenda cunha "Jasmine" de Takamine e con unha chea de libros de partituras. Tamén esa guitarra saiu fotografada en diversas ocasións na prensa ourensá, aínda que case nunca tocada por min. Un día visitoume o pintor ourensán P***, e preguntoume se lle podía prestar unha guitarra a un amigo seu madrileño, que estaba en Ourense por unha tempada e non trouxera ningunha canda el. Ao parecer, era un rapaz ao que lle gustaba moito tocar, e tiña "mono" de guitarra. Eu amoseille tres ou catro que descansaban nos seus respectivos soportes, dicíndolle que escollerse unha. Quedou uns intres mirando para elas e, non sabendo por cal decidirse, dixo que volvería máis tarde con ese amigo para que él mesmo a escollese. Apareceu ás poucas horas co tal. O chaval era máis baixo ca min e agachaba a cabeza como avergoñándose de algo. Non ía moi ben vestido. A súa longa melena ocultáballe o rostro. Naquelo, o meu amigo P*** díxome: - "Preséntoche a Antonio Vega". Eu non estaba moi seguro de estar desperto, observando como Antonio Vega probaba as guitarras unha por unha. abrazándoas como se as amase, como se fosen a táboa á que se aferra un náufrago para non se afogar. Ao final decidiuse pola "Jasmine". P*** xa marchara, non lembro por que causa, e acompañei a Antonio Vega polas xa case solitarias rúas de Ourense até o lugar no que dixo que ía durmir aquela noite, moi pertiño de onde naceu Alexandre Bóveda. Non conto máis cousas de Antonio, porque as protagonistas desta historia son as guitarras. Debeu ser por aquela época cando lin no periódico unha triste noticia. Un rapaz aparecera morto, con todos os indicios de se ter suicidado na sua vivenda, pola zona da estrada vella de Celanova. As iniciais e o enderezo coincidían coas do rapaz que tanto valorara unha guitarra polo simple feito de ter sido miña. Penso agora que vidas internas tan similares poderían ter vivido un músico famoso e un anónimo afeccionado, ambos mortos moito antes do momento que a natureza lles tiña asignado, e como unha historia de guitarras ligou as súas vidas dun xeito que até agora só eu coñecía. A Jasmine seguíu despois a dar tumbos polo mundo. Se non mudou de dono, anda agora por Madrid nas mans dun músico de orixe colombiana. Pero esa é xa outra historia. Como tiveramos algunha charla interesante, Antonio Vega deixárame o seu número de telemóbel. Apunteino coidadosamente nunha axenda e non acordei del durante un tempo. Un día, ao abrir esa axenda, vin o seu número, loxicamente escrito na páxina da letra "A", a primeira. Decidín chamalo para lle preguntar como lle ía a vida. Non debía lembrar que lle tivese dado o número a ninguén e, ao ver na pantalla o prefixo 988 de Ourense, debeu de pensar que era a súa moza quen o chamaba. Descolgou susurrándome fermosas palabras de amor, sen me dar tempo a que eu lle dixese nada. Cando, totalmente azorado, lle dixen que non era quen pensaba, quedou tan cortado que, improvisando unha desculpa, colgou. Loxicamente, nunca máis o volvín chamar.
Imaxe: Braque, Home con guitarra, 1911

jueves, mayo 14, 2009

¡follad, follad, malditas!

Con este fabuloso achado xa non podo aprazar máis este post eternamente adiado por unha morea de causas que tamén veñen a conto. Xa sabedes. O feisbú, que nos ten e nos entretén moito máis do que estamos dispostos a recoñecer. Un fenómeno do que aínda queda case todo por dicir e discutir. Novos conceptos que implicarán cambios cicais demasiado drásticos e a moi curto prazo que van mudar completamente o panorama. Novos conceptos, Identidade colectiva, redes sociais, sofware social, a teoría dos seis grao de separación? memes, douspuntocero, trespuntocero, web semántica, fenda dixital, etc. Estamos ollando directamente ao infinito, ao incomprensible, ao máximun do contradictorio: realidade virtual. Infinitas cuestións. Pero hoxe vin falar de sexo. Digamos que pacemos cómodamente nun deliberadísimo conformismo no que damos por boas as falacias máis absurdas. As mulleres temos que engulir páxinas de historia, literatura, arte, ciencia que falan da nosa absoluta incapacidade e o facemos seica con gusto, e vivimos o día a día disimulando ter tamén algún órgano que outro. Algunha acada que se lle recoñeza o cerebro e iso polo tema da cota, pero o do sexo seica é máis complexo, abofé que sí. Dende o poder sempre se botou man dos argumentos máis revirados para agochar a existencia do feminino e nestes tempos xa 3.0 o tema experimenta un grao de retroceso que me fai saltar á area aínda que só sexa como un exercicio de catarse que moi pouco ten que ber coa proposta polo estaxirita. Mais non abonda con cuspir sobre Hegel. Si, as mulleres temos uns organos sexuais deliciosamente desenvolvidos como amosan estas fermosísimas venus prehistóricas. Aínda se amosan nas aulas como símbolos da fecundidade e como tributos á natureza. Os falos non, os falos da Idade de Pedra xa nolos presentaron como órganos sexuais en plena procura da voluptuosidade. O home, comeza a distanciarse dos animais porque consciente da súa morte, comeza a fabricar utensilios e a fornicar por pracer. Pois a muller tamén. E esas venus esteatopíxicas (literalmente de culo gordo) son representacións dunha sexualidade feminina plenamente consciente. O virtual mundo feisbukeano co seu culto total á indivudualidade é un privilexiado observatorio do noso comportamento sexual. Os homes continúan a ser machos en competición pola femia, e nós seguimos agardando a chamada do "mellor dotado". A convivencia, ou mellor dito, a pervivencia do (ana)lóxico co dixital está amosando un estado da cuestión moi preocupante para a muller. De repende venme á cabeza unha Madame Bovary masturbándose con aquelas perigosas "novelas". Creo que F. tivo problemas para evitar a cadea por esto. Hoxe, as mulleres asomámonos á rede cos mesmos medos, seica temos que gardar as aparencias cos amigos virtuais, se cadra un cento de descoñecidxs que nos poden levar outra vez á fogueira. ¿e para eso tanto conto?. Pois digo eu, se temos que disimular un pouco máis, adiánte...ao titulo do post me remito!

lunes, mayo 11, 2009

Highway to Outeiros....




Tremenda churrascada Dustin. Deliciosa esa sombra da túa carballeira no Outeiro de Paderne. Un samedi après-midi à L´Outeiros, digno do Seurat. Non vou dicir nada do viño de Toro, tampouco dos chupitos variados nin dos fumes que trazaron ese sorrisos frouxos e solidarios que adoitan adobiarse con promesas que veremos logo. M&M deleitáron a sobremesa coa sua paixón polas artes marciais e aprendemos que hai un estilo "borracho". Eu miraba ó nesgo os acenos de admiración de Lucía mentres as súas mestras debuxaban puñadas e bloqueos no ar baixo a atenta ollada dun Bruce Lee case invisible que voaba entre as pólas dos carballos. E houbo ración de iconoclastia, vaia oh...a eso viñemos Paco, coma sempre...

Por mais que miro e asexo / por esta masa informe e lerda / outra cousa non vexo / sinon moreas de merda
(Celso Emilio Ferreiro)

Grande grande Lou, beleza absoluta a do teu sorriso aberto e xeneroso, simpar Lou de ollos húmidos de outono, tronante Lou, granmamamala, leoa do Serengeti de portas sempre abertas e sempre ao asexo, protectora e anfitriona cálida e de dozura infinita. Ollade se non é certo o que digo...

Merda adequerida ou herda / merda de diante i en pos / grandes palleiros de merda / acugulada en montós...

Versos de Celso Emilio adicados a tódolos mediocres, especialmente a eses cantantes de coros e danzas que pululan pola poeirenta e mefítica miseria dos xestores da cousa pública na procura dun agocho quentiño para fermentar a gusto, aspirantes a cesante e persoaxes casposos, enxeñosos Bartlebys que tanto enriquecen a nosa idiosincrasia...

martes, mayo 05, 2009

falamos

falamos de atravesar fronteiras e quebrantar arrogancias milenarias que enferruxaron sentidos con sentenzas de viño acedo, porfiamos polo colapso dun tempo antolladizo que non entende de necesidades básicas, procuramos escusas para disimular esa nosa teima de espreitar na vida, arrincamos rigorosamente tódalas letras que nos tatuaron coa violencia dos rituais, saímos ao centro do campo de batalla coa afouteza dos nihilistas máis puros e devecemos polo recoñecemento da nosa covardía, rexeitamos a loita porque xa o dixen, somos covardes e non renunciamos ao lecer do cotián, e trabucámonos decote en cada promesa que sela unha renuncia, seguimos sen aturar os espellos malia o que aforraríamos en fármacos e diletantes especialistas do baleiro, e somos tan deliciosamente inocentes...

miércoles, abril 29, 2009

Espertares...




É un auténtico e delicioso roubado con zoom completamente ilegal este que comparto con vós. Delicioso espertar dunha longa sesta reparadora onde os haxa. Pouco me faltou para aplaudir a estes dous dende o meu balcón, a lavadora pode agardar, eternamente, mentres na rúa se detecten estas fermosísimas expresións de xenerosidade. Preguntémonos alomenos se non deberiamos avaliar ese exceso de corrección e autocensura que practicamos ata en soños, e agora vou vixiar que non pase ningún tribuno da plebe que os amole...

sábado, abril 25, 2009

Botóns...

Cando o vello tarro de nocilla se encheu totalmente de botóns Milena espallounos sobre a mesa lembrando cantas veces fixera o mesmo de nena con aquel tesouro co que se entretiña mentras a nai cosía eternamente naqueles uniformes, mais agora era o seu propio tarro e as pezas que se amorearon en todos estes anos eran parágrafos da súa vida que podían axudala a reconstruir episodios esquecidos, velaí está o máis atrevido, o botón do estrano vestido co que casara, agora ben mais falangueiro e lixeiro, ou esoutros forrados de interminables xornadas de Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades, si, destes hai moitos, descosíanse decote porque Milena daquela non se espía, arrancaba a roupa do seu corpo cada noite para desfacerse dunha pel allea que lle proía, e velaí están tamén os minúsculos botóns que nunca coseu e que lle falan de horas que non existiron, de baleiros que un anxo enchía e adobiaba cada día para ela, para que ao acordar fuxiran os pesadelos e só puidese ollar o sorriso mais xeneroso do mundo...

jueves, abril 23, 2009

Estranho animal...


Estranho animal é este bicho homem, tão capaz de tremendas insónias por causa de uma insignificancia como de dormir à perna solta na véspera da batalha.
(A viagem do elefante, J. Saramago.)

martes, abril 21, 2009

A crise.

Pois si, velaí está, en todo seu esplendor, que dixo o mestre. Interiorizada completamente na cerna da nosa Galicia máis interior e auténtica. Mozxs e vellxs fregaron convenientemente na virxe das cabezas cos seus modernos clínes (¿durará o mesmo a bendición?) e estampiñas. Asistimos a unha lección maxistral sobre o funcionamento do mercado en xeral e dos exvotos en particular, seguíndolle a pegada ás cerúleas cabeciñas dende os postos de venta a carón do pulpo á feira, ata os pés da virxe milagreira de onde os recollían cantareiros rapaciños convenientemente catequizados para amorealas nas sacas para ser a materia prima da que cicais sairán bandullos, pernas, fígados e corazóns para outros santos especialistas en doenzas múltiples. Os callos tamén no seu punto, garabanzo con garabanzo saíndo por fóra do prato, como debe ser, e o viño malo de ocasión e a 9 euracos a botella. Vaia oh...! imos quedar sen romaría por culpa da crise. O pobo é sabio de máis ¿que mellor esconxuro para afastar este diaño que convertila en nome do bar. A virxe que se encargue das escrófulas que nós xa damos conta da desaceleración.

sábado, abril 18, 2009

Negación

Borrar a memoria. Limpar as pegadas dun crime. Queimar arquivos e bibliotecas. Eliminar aos testigos. Negar o holocausto é delito. Non é delito só o homicidio, senón tamén a negación da súa existencia cando hai probas evidentísimas do contrario. Os asasinatos de mulleres non só quedan impunes moitas veces, senón que se anima esta práctica pola vía da negación. Ás veces xa non sabe un se escribir dun feito cando non se foi testemuña directa porque en canto sacas os tema maldito, muller, igrexa, memoria histórica,, achégasete o sabio sentado de turno con toda a súa fachendosa sabedoria de profesor universitario e, esquecendo completamente os progresos da razón e os milleiros de páxinas sobre a construcción do discurso científico, reclama a túa atención nunha especie de maxisterio esotéricoerotohinopticolóxico para simplemente dicirche NON.

viernes, abril 17, 2009

xenuflexións literarias un...

Adoito ler unha morea de libros a un tempo, de xeito totalmente desordenado e mesmo compulsivo. Deixo Rayuela en calquera páxina, esgotoume o concerto de Berthe Trépat, metínme demasiado na pel de Oliveira e adícolle demasiado tempo á metafísica. Deito o volume no chan e boto man das ocorrencias de Nancy, que traduce para nin don Ramón. Reflexiono o pouco que teñen mudado algunhas cousas por estas latitudes e imaxino a H. explicarlle aos seus alumnos de Göttingen as súas dificultades para entender certas supersticións que aínda campan pola Gallaecia. Solución transitoria. Mudar de idioma e participar nunha viaxe. O cornaca faime un sitio na caravana que acompaña a Salomão e déixome levar polo río Saramago, serpe Saramago, Que é um acto poético, preguntou o rei, Não se sabe, meu senhor, só damos por ele quando aconceceu, Mas eu, por enquanto, só tinha anunciado a intenção de visitar o salomão, Sendo palavra de rei, suponho que terá sido o bastante, Creio ter ouvido dizer que, em retórica, chamam a isso ironia, Peço perdão a vossa alteza, Está perdoado, senhor secretário, se todos os seus pecados forem dessa gravidade, tem o céu garantido, Não sei, meu senhor, se este será o melhor tempo de ir para o céu, Que quer isso dizer, Vem aí a inquisição, meu senhor, acabaram-se os salvo-conductos de confissão e absolvição, A inquisição manterá a unidade entre os cristãos, esse é o seu objectivo, teño que parar sequera para respirar porque a Saramago hai que declamalo, como a Horacio Oliveira alias Julio Cortázar, hai que dramatizalos para achegarnos á partitura orixinal. E reflexiono sobre a ironía e os seus excesos, o filósofo adicoulle un tratado exclusivo, mais o sabio decepcióname por momentos, ...entramos así en el reino del ingenio. La ausencia de gravedad hace que el hombre sea una "vaina" y que la mujer caiga en la "liviandad", que es una excesiva ligereza de cascos, páxina vinte e ata aquí chegamos de momento, amolada por non ser quen de prender o lume que reclama Forcadela, Alguén dispoña incendios, solemnes lumieiras, / nos cruces dos camiños, nas pontes das estradas, / Que sirvan como aviso, sinal para o percurso / Daqueles que sen luces errantes ambulamos / Dun lado para outro, de aquí para acolá, / Seguindo algunha estrela....

martes, abril 07, 2009

semana de paixón...ou as intermitencias da igrexa

Os pasos da semana santa, coma a totalidade da iconografía que inspirou excelsas obras de arte, eran o xeito de ensinar a biblia a un pobo que non podía ler o libro sagrado. E seguimos co mesmo ritual. A igrexa segue pastoreando a gusto ao seu rabaño de fieis, mais hai unha sutil diferencia. O actual analfabetismo é un way of life deliberadamente cultivado que baixo unha apariencia de correción política agocha os xermes dunha volta de ciclo certamente arrepiante. Volto estes días sobre os meus propios pasos, chanzos placebo nos que reafirmo a miña fe nas verbas máis profanas e a miña inclinación definitiva cara o pecado, ou o que é o mesmo, ser feliz a conciencia.
Imaxe: Detalle do retablo da Catedral de Ourense. Cornielles de Holanda, s. XVI.







Noli me tangere Necrosia cultural Eu tamén son atea Os cartos da igrexa (III) (II) (I) Nosa Señora da Ascención....a motor A única igrexa que ilumina é a igrexa que arde, ¡aVe mArÍA pURÍsima ! (sic) ¡00001101100111! ¡dremialamorhermoso!, Exposición Arte e Omosessualità...

domingo, marzo 29, 2009

The Reader.

Decateime dende o comezo que a presenta absoluta da Winslet ía esixir un esforzo especial cara aspectos nada secundarios do relato mesmo e de matices a nivel de interpetación que farían obrigada unha segunda visión do filme. Da Winslet está todo dito, e aínda coido que son poucas as louvanzas que merece esa especial complicidade coa cámara que non cansa do seu corpo e a súa ollada. David Kross, o mociño Michael Berg, o lector, vaise escribindo a modo, e dende a páxina en branco da virxinidade inicial vanse sucedendo esceas de intensa paixón que deixarán pegada nun home bo, pero tamén covarde, no que albiscamos a posibilidade dese mal absoluto que xa tiña que estar redimido. Hanna representa o incomprensible, o propio xenocidio, e dende unha personalidade rica pero doada e ata diríamos estandar, podemos entender ata o máis horrible. Só con Primo Levi xa temos a chave para entender ese porque que se magnifica como símbolo dunha hipocresía universal tan revirada coma a propia solución final. Mais Michel Berg somos nós, os que temos que atopar o xeito de vivir coa banalidade do mal, que explicara Arendt, o sabérmonos incapaces de distinguilo do ben, e polo tanto de sentir culpa ou remordemento nengún. Bruno Ganz, Rohl, é un profesor universitario que carga co peso da derrota perante unha explicación tan científica coma infame. A xustiza, a lei, os supostos principios organizadores da polis en cuxo sacrificio se ofrecen agora os seus cidadáns. E hai moito máis e bo nesta adaptación do relato de Schlink...