O sábado foi un día de sorte. Canto escoitei á novísima Paula Ortiz falar da súa película nun programa de R3 xa presentía algo bo, mais logo de vela pódovos asegurar que estamos ante unha grandísima obra. A sabedoría desta directora, como case sempre ocorre, amósase na aparente sinxeleza do relato. O dominio da técnica cinematográfica é transversal, dende o guión, pasando pola fotografía, o son, a montaxe, todo é absolutamente maxistral. Cicais a emoción que nos atrapa dende o comezo non esté tanto nas historias en sí, que son poderosísimas, senón nun xeito novo (para min) de acceder a elas. Porque a Violeta, a Inés e a Luisa chegamos, -case esquecendo que hai unha patalla no medio- polo tacto da formica dos setenta, polo arrecendo a terra e a papoulas, polo son das bolboretas...é así como funciona, certamente, unha sensación que de socato nos fai saltar na butaca porque sentimos a dor e a paixón e a esperanza e a ledicia e a melancolía dun bico que nunca se deu na propia carne...e o fío que vai tinguindo do bermello o nobelo da paixón e do desexo é o que nos devolve a Violeta, a Inés e a Luisa, tres estadios de muller e de historia tan endiañadamente emparelladas como só o poden estar cos seus amores reais ou soñados. Se o cine español vai por aquí que trema Bergman na súa tumba...non perdades esta experiencia!
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario