O cigarro, pitillo ou pucho é un obxecto doadamente identificable malia certas semellanzas que presenta con algún que outro chintófano, como un petardo, por exemplo, un chisco máis perigoso sobre todo se se quere prendelo do mesmo xieto. Non ven ao caso facer unha detallada relación das diferencias que hai entre o pitillo e o petardo pois as posibilidades de mercar un no canto do outro son certamente ínfimas, e de darse tal circunstancia as consecuencias de fumar un petardo ou de facer estourar un pucho tampouco ían ser motivo para que a terra deixase de xirar. Decátese vostede da forma cilíndrica do pitillo e repare na singularidade das súas cores. A parte máis longa, comúnmente de cor branca é unha vaíña de papel finísimo que contén a nicotiana tabacum, unhas herbas secas que seica foron avistadas por primeira vez en boca dos taínos cando tiveron a desgraza de botar o último pitillo en paz na súa vida. A outra parte, xeralmente de cor amarelo, laranxa ou vermello, é a embocadura. A propia palabra xa nos introduce na seguinte etapa. Teremos que empregar o trebello máis a man co que se poida prender lume para acender correctamente o cigarro. Cunha primeira calada terá vostede que notar que se lle adormecen as carnes ou que está un pouco bébedo. Se non é así, quite o pucho da boca inmediatemente e golpee a parte que bota fume contra a superficie da mesa porque seguramente está vostede fumando o filtro, e, bueno, non é que sexa velenosa a goleta pero non é cuestión de estragar a cabicha e prenderlle lume á casa, aínda que certos aspectos da súa decoración inciten a facer unha falcatruada tal. É doado quedar un pouco chinado logo dun episodio crítico como este, así que sería bo, mentras se recuperan folgos, facerse un chuculún ou cicais trompearse moderadamente cun grolo de anís, que sempre é bo para abrir o apetito nicotinoso...
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario