martes, marzo 27, 2012

impotencia

a impotencia ten a faciana dunha besta ferida de morte pero a min amosóuseme nantronte nas bágoas insumisas dun vello que apreixaba coas mesmas mans que inspiraran a Moldes, coa mesma forza os couces das canas que se deitan na eira logo da sega, coa mesma determinación do medo a escoitarse cuspir no canto de falar, apreixaba, digo, os ferros da rexa dunha casa que é, como tantas, unha mesa de sacrificio na que se ofreceron fígados, esperanzas, uns pouquiños patacónss que se gañaron mirando sempre ao chan, porque era o que había que limpar e porque había que disimolar amarguras, na que se ofreceron, digo, anos, vidas e outras moedas que non tiñan valor de uso, que sabería el, pobriño joder, do que perdía, e sobre todo, que ía saber do traballo que ía dar tanto sacrificio agora reducido a catro zapatillas vellas que apreixa contra o corazón cando solta por breves segundos os barrotes do seu cárcere, un cinto de coiro co que canaliza unha rabia que non ten nome de grandísima que é, tranquiliño, home, vaia sentar, tome un vasiño de auga, ¿está só?, e el acouga só un chisco, pero ese pouco é un mundo de tranquilidade, da media volta e saloucando coma un meniño vai co seu tesouro na procura de alguén, e ao pouco ven ela...ese xa é outro cantar, é a ancestral e feminina metáfora da perseverancia no amor obrigado e do coidado do xoguete máis querido estragado en mil anacos, non esqueceremos esa faciana de bondade quen sabe se imposta, penso nos días que lle quedan ata que se lle partan as costas nunha mala postura cando teña que darlle a volta á besta...

No hay comentarios: