jueves, marzo 22, 2012

fumadores con lustre...

M.C. era unha fumadora auténtica, celebro que agora sexa unha ex e que se lle teñan enchido os sucos daquel coiro avellentado mornamente pola química que se lle engade ao tabaco, fumaba, con boquilla, moito menos pracenteiro que foder con condón, pero eu que ía saber daquela, de fumar con boquilla, digo, se andabamos todo o día turrando de ducados para non deixar nin un miserable centímetro cubico da aula libre de fume, eran tempos aqueles, fumaba tododiós, os progres e os parquerolos (así lle chamabamos aos pijos porque lles molaba xuntarse no parque máis céntrico da cidade), os paletos e os modernos, os alumnos e as profesoras, pero eso si, ningunha fumaba como M.C., que estilazo miña nai, coa dereita enchía o encerado cunha bibliografía en alemán sobre pobos indíxenas do cono sur que non iamos consultar nunca, mentres, daquel brazo esquerdo, medio vestido de negro colgaba a man delgadísima que botaba un fume diferente ao noso, cicais porque agarraba a boquilla dun xeito tan varonil e tan heterodoxo como só podía facelo, M.C., porque noutro calquera, prender o pitillo co polegar e o indicador sería unha vulgaridade, e logo estaban eses outros fumes que molestaban a certa profesora con tan pouca idea política como para proclamarse roxa a todas horas, e claro, molestáballe o fume de M.A., porque M.A. non vía por que carallo tiña que rirlle as grazas á Cuba de Fidel, si, foi así, non lle molestaba o noso fume, molestoulle o de M.A. e así llo dixo cando lle mandou apagar o pucho e liscar de clase, mira ti, rematou liscando ela, a máis progre, a mais lista, e seguimos engulindo soíños e despolitizados, vapordios, todo aquel fume que M.A. cuspía no dunha aula universitaria que fora deseñada orixinalmente para se un entrechán onde se gardarían as bicis...daquela universidade mellor non meneallo...eran outros fumes!

No hay comentarios: